12/11/2012

De como Leo chegou á nosa biblioteca

Había unha vez un rato que se chamaba Leo e vivía nun tobo do bosque.
Un día decidiu ir a unha biblioteca. Quería aprender a ler porque lle gustaban moito os libros,
sobre todo os de aventuras e os de piratas.
Por cerca da súa casa pasaba o tren, así que se subíu a el e emprendeu a viaxe en busca da
biblioteca. Baixouse cando chegou á estación de Betanzos porque a súa nai lle falara dunha biblioteca que había alí.
Púxose a andar e andar pero non a atopaba, viu o que parecía un colexio, e, como estaba
despistado, preguntoulle a outro rato co que se cruzou se sabía que era aquelo. O rato díxolle que era o colexio Vales Villamarín.
Subiu entón pola parede e foi vendo aulas con nenos e profesores. Entrou por unha ventá que estaba aberta e descubriu unhas pegadas vermellas, seguiunas e atopou a biblioteca.
Ao chegar alí empezou a ver moitos contos e escolleu un de aventuras como os que lle contaba a súa nai de pequeno. Viaxou con el grazas ás imaxes porque aínda non sabía ler.
Un día chegou unha profesora, ao velo díxolle:
- Non te vaias! Non te vaias! Como te chamas?
- Eu chámome Leo, e ti?
- Eu chámome Raquel. Que fas ti por aquí?
- Quero aprender a ler, poderiasme ensinar?
- Si, que conto queres?
- Un de ratos, coma min, pero que sexa un pouco fácil, porque aínda non sei ler...
Co tempo Leo aprendeu a ler e un día preguntoulle á profe:
- Podo quedarme aquí para ler as historias que veñen nos contos?
- Si, por suposto, podes quedarte ata que queiras -díxolle a profe.
- Xenial!- Pero, os nenos deste colexio non se asustarán ao verme?- dixo o rato.
- Non, tranquilo, xa eu te presento a todos.
Pouco a pouco Leo foi facéndose amigo de todos e agora vive moi feliz na biblioteca.

 
Texto: nenos e nenas de 2º A e B
Debuxos: 2º D
 
Outubro: mes das Bibliotecas escolares