En BiblioVales encántanos compartir lecturas e descubrir novos libros. Por iso, este mes de setembro, o alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín colaborou co xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca, achegando algunhas das súas recomendacións lectoras favoritas.
Nesta ocasión, Rosalía, Iago, Aynoa e Iria convertéronse en auténticos críticos literarios, seleccionando libros que lles gustaron especialmente e explicando os motivos polos que os recomendarían a outros nenos e nenas. Grazas ás súas palabras, outras persoas poderán descubrir historias cheas de aventuras, amizade, aprendizaxe e curiosidades.
Entre as obras recomendadas atopamos propostas para todos os gustos: desde libros para coñecer diferentes deportes ata historias entrañables sobre a amizade ou lecturas divulgativas que nos achegan ao fascinante mundo da ciencia.
Queremos felicitar ao noso alumnado pola súa participación e agradecer ao xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca que nos permita seguir dando voz ás lectoras e lectores máis novos.
Porque cada libro recomendado é unha porta aberta a novas aventuras... e quen mellor para recomendalos que os propios nenos e nenas!
Parabéns ás nosas lectoras e lectores por compartir as súas lecturas favoritas con toda a comarca!
