Amosando publicacións coa etiqueta ARTISTADAS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ARTISTADAS. Amosar todas as publicacións

16/06/2026

CREARTE PRESENTA...Do cine á vida dos artistas

Chegamos á última publicación de CREARTE, a mostra audiovisual de ARTISTADAS, da man do alumnado de 5º e 6º de Primaria.

Ao longo deste curso, estes niveis achegáronse ao mundo da arte desde dúas perspectivas complementarias: o cine e a vida dos artistas. Investigaron, interpretaron, entrevistaron, gravaron podcasts, elaboraron programas audiovisuais e compartiron todo o aprendido a través de diferentes formatos creativos.

5º de Primaria: Vivindo o cine desde dentro

Dentro de ARTISTADAS, o alumnado de 5º converteuse en protagonista do mundo do cine, descubrindo a súa historia e experimentando coa interpretación e a creación audiovisual.

5ºA: Viaxando aos inicios do cine

O alumnado de 5ºA realizou unha investigación sobre os comezos da historia do cine e decidiu compartir os seus descubrimentos a través dun programa de radio.

Neste podcast explícanos como se gravaron as primeiras películas, como eran as primeiras proxeccións cinematográficas e algunhas curiosidades sobre os inicios da sétima arte.

5ºC: Luces, cámara... acción!

O alumnado de 5ºC converteuse en auténtico protagonista do cine realizando pequenos sketches inspirados en películas moi coñecidas.

A través das súas representacións recrean escenas e personaxes de títulos tan populares como Cazafantasmas e Del Revés, demostrando que a interpretación tamén é unha forma de arte e unha magnífica maneira de aprender divertíndose.



6º de Primaria: Coñecendo a vida dos artistas

Ao longo deste curso, o alumnado de 6º converteuse en investigador da vida e da obra de numerosos artistas. A través de podcasts, entrevistas e producións audiovisuais descubriron que detrás de cada obra de arte hai persoas, historias, curiosidades, esforzo e moita creatividade.

6ºA: As Tartarugas Ninja tamén eran artistas

Tomando como punto de partida ás famosas Tartarugas Ninja, o alumnado de 6ºA investigou quen eran realmente Leonardo, Donatello, Miguel Anxo e Rafael.

O resultado foi unha serie de podcasts en forma de entrevistas nas que descubriron a vida, as obras e a importancia destes grandes artistas do Renacemento.


Entrevista a Leonardo

Entrevista a Donatello

Entrevista a Miguelanxo

Entrevista a Rafael

6ºB: Conversando con grandes artistas

O alumnado de 6ºB escolleu libremente diferentes artistas para investigar as súas vidas e as súas creacións.

A través dos seus podcasts convídannos a descubrir curiosidades, obras destacadas e aspectos menos coñecidos dalgúns dos grandes nomes da historia da arte.

Entrevista a Eminem

Entrevista a BudBunny

Entrevista a Daddy Yankke

Entrevista a Bizarrap

Entrevista a Quevedo

6ºC: Falando de arte

Falando de quinto:
Falando de sexto:

6ºD: Comunicando o aprendido

Falando de quinto:

Falando de sexto:

6ºE: A vida de pintores e pintoras

O alumnado de 6ºE preparou unha produción audiovisual centrada na vida e obra de diferentes pintores e pintoras que marcaron a historia da arte.

A través das súas investigacións descubriron curiosidades, obras destacadas e acontecementos importantes das súas biografías, compartindo con nós todo o aprendido ao longo desta aventura artística.


Un curso descubrindo a arte

Os traballos realizados por 5º e 6º de Primaria amosan que a arte pode estudarse, interpretarse, investigarse, representarse e compartirse de moitas maneiras diferentes.

Ao longo de ARTISTADAS, o alumnado converteuse en investigador, comunicador, actor, locutor e creador, descubrindo que detrás de cada película, de cada pintura e de cada obra artística hai historias fascinantes que merecen ser contadas.

Convidámosvos a desfrutar destas producións e a acompañarnos no tramo final desta gran aventura artística.

Agardamos que vos gusten tanto como a eles lles gustou realizalas!

15/06/2026

CREARTE PRESENTA...Musicarte

Dentro de ARTISTADAS, a arte non só se observou, investigou ou recreou. Tamén se escoitou, se interpretou e se compartiu a través da música.

Ao longo do curso, o alumnado participou en diferentes proxectos musicais que lles permitiron descubrir que a música é unha das formas de expresión artística máis universais e emocionantes.

Música para interpretar

O alumnado de 5º de Primaria aprendeu e interpretou coa frauta melodías de coñecidas bandas sonoras do cinema. Ademais, tiveron o privilexio de compartir escenario coa Banda Municipal de Música da Coruña, no Centro Ágora, interpretando obras tan coñecidas como Carros de Fuego, composta por Vangelis, e Jurassic Park, do recoñecido compositor John Williams.


O alumnado de 3º de Primaria tamén participou nesta experiencia musical xunto á profesora Cristina Veiga e á Banda Municipal de Música da Coruña, interpretando a popular banda sonora de Sonrisas y lágrimas no Centro Ágora.



Música para investigar e crear

O alumnado de 6º de Primaria converteuse en investigador da historia da música, descubrindo compositores e compositoras dos períodos barroco, clásico e romántico. Tras o proceso de investigación, elaboraron as súas propias producións audiovisuais empregando diferentes ferramentas dixitais, combinando información, imaxes, narración e música.

A través destes vídeos coñeceremos mellor a vida e a obra de artistas que deixaron unha fonda pegada na historia da música.






A arte tamén se escoita

Os proxectos musicais desenvolvidos durante este curso permitiron ao alumnado interpretar, investigar, crear e compartir coñecementos a través da música, demostrando que a arte pode expresarse de moitas maneiras diferentes.

Convidámosvos a gozar destas producións musicais e a descubrir como a música tamén forma parte de ARTISTADAS.

Porque a arte non só se mira... tamén se escoita.

12/06/2026

CREARTE PRESENTA... Modelando a arte galega

Continuamos a nosa viaxe por CREARTE, a mostra audiovisual de ARTISTADAS, para descubrir os proxectos desenvolvidos polo alumnado de 3º e 4º de Primaria.

Ao longo deste curso, estes niveis achegáronse á arte galega desde diferentes perspectivas, experimentando con materiais, investigando sobre artistas e tradicións do noso país e desenvolvendo a súa creatividade a través de propostas moi diversas.

3º de Primaria: aprender creando

O alumnado de 3º de Primaria mergullouse no mundo da escultura e da cerámica, descubrindo algunhas das manifestacións artísticas máis representativas de Galicia. Ao longo do curso investigaron, experimentaron con diferentes materiais e desenvolveron proxectos moi variados que lles permitiron achegarse á arte desde múltiples perspectivas.

3ºA: modelando a creatividade

O alumnado de 3ºA experimentou co barro e coas técnicas de modelado para descubrir como as mans poden converter unha simple peza de arxila nunha auténtica obra de arte.


3ºB: a arte escultórica

As nenas e nenos de 3ºB prepararon unhas divertidas coplas nas que nos contan todo o que aprenderon sobre a escultura: os seus traballos con arxila, a investigación sobre Sargadelos, a creación do seu disfraz de cunca, as visitas realizadas e as esculturas elaboradas con diferentes materiais.


3ºC: descubrindo a arte galega

O alumnado de 3ºC achéganos á riqueza da arte galega a través do seu traballo de investigación e creación, descubrindo artistas, técnicas e tradicións que forman parte do noso patrimonio cultural.

3ºD: explorando novas formas de crear

En 3ºD tamén se converteron en auténticos artistas, experimentando, investigando e creando para achegarse ao mundo da arte dun xeito práctico e divertido. Neste vídeo móstrannos parte do traballo realizado ao longo do curso.


3ºE: A osa e a okapi

O alumnado de 3ºE decidiu achegarse á arte desde unha perspectiva diferente: a creación literaria. Despois de traballar a escultura, descubrir Sargadelos e a cerámica de Buño e realizar as súas propias creacións artísticas, elaboraron colectivamente o conto A osa e a okapi, unha historia nacida da súa imaxinación que agora comparten con todos nós.


4º de Primaria: seguindo a pegada de Isaac Díaz Pardo

O alumnado de 4º de Primaria centrou o seu traballo na figura de Isaac Díaz Pardo, unha das personalidades máis relevantes da cultura galega contemporánea.

Artista, deseñador, escritor, empresario e impulsor do proxecto de Sargadelos, dedicou boa parte da súa vida á defensa da cultura galega e á creación artística. Grazas ás investigacións realizadas durante o curso, os nenos e nenas descubriron a súa historia, coñeceron a súa obra e comprenderon a importancia do legado que deixou ás xeracións futuras.

A través do seguinte vídeo, comparten connosco parte de todo o aprendido sobre esta figura fundamental da arte e da cultura galegas.

Coñecer a nosa cultura a través da arte

Os traballos realizados por 3º e 4º de Primaria amosan que a arte é moito máis ca unha forma de expresión: é tamén unha maneira de coñecer a nosa historia, valorar o noso patrimonio e comprender mellor o mundo que nos rodea.

Convidámosvos a desfrutar das súas creacións e a descubrir todo o que aprenderon ao longo desta aventura artística.

Agardamos que vos gusten tanto como a eles lles gustou crealos!

11/06/2026

CREARTE PRESENTA...Descubrindo a arte e o patrimonio de Betanzos

Dentro de ARTISTADAS, o alumnado de 1º e 2º de Primaria converteuse en investigador do patrimonio, da arte e da historia da nosa vila.

A través de diferentes proxectos, os nenos e nenas descubriron persoas, lugares e obras que forman parte da identidade cultural de Betanzos, aprendendo a observar, investigar e compartir os seus descubrimentos co resto da comunidade educativa.

1ºA e 1ºB: O calendario agrícola medieval

Os alumnos e alumnas de 1ºA e 1ºB investigaron un elemento moi especial que se atopa na Igrexa de Santa María do Azougue: o calendario agrícola medieval representado nun dos seus capiteis.

Tras analizar os distintos meses do ano e o seu significado na Idade Media, elaboraron unha versión propia na que relacionan cada representación coas celebracións e acontecementos que vivimos actualmente. Unha forma moi especial de conectar pasado e presente.


1ºC e 1ºD: A arte e historia da nosa vila

O alumnado de 1ºC e 1ºD investigou a figura da pintora Sofiua Feliú, coñecida polas súas representacións de paisaxes, lugares e xentes de Betanzos, así como a de Francisco Vales Villamarín, unha figura fundamental para a historia e a cultura da nosa cidade e que dá nome ao noso centro educativo.

A través dun podcast, comparten con nós todo o que descubriron sobre estes dous personaxes tan ligados á nosa historia local.

2º de Primaria: Explorando o Parque do Pasatempo

O alumnado de 2º de Primaria centrou as súas investigacións nun dos lugares máis emblemáticos de Betanzos: o Parque do Pasatempo.

Cada aula investigou un aspecto diferente deste singualar espazo:

  • 2ºA explícanos quen foron os seus creadores e como foi evolucionando ao longo do tempo.


  • 2ºB descobre por que o parque é considerado unha enorme enciclopedia ao aire libre.


  • 2ºC investiga o famoso mural dos reloxos.


  • 2ºD presenta curiosidades escondidas ao longo do parque.


  • 2ºE realiza unha viaxe polos distintos recunchos do mundo representados no parque e analiza o seu estado actual.


Coñecer para valorar

Todos estes proxectos permitiron ao alumnado achegarse ao patrimonio cultural,  artístico e histórico da súa contorna máis próxima, descubrindo que ás veces os tesouros máis interesantes están moi preto de nós.

Convidarvos a gozar das produción audiovisuais elaborados por 1º e 2º de Primaria e a seguir descubrindo Betanzos a través dos seus ollos.

Porque para coidar e valorar o patrimonio, 
primeiro hai que coñecelo.

10/06/2026

CREARTE PRESENTA...The Dead Artist Podcast

Viaxando pola historia da arte...en inglés!

Dentro de CREARTE, tamén hai espazo para a aprendizaxe de linguas, a creatividade e as novas formas de comunicación.

Os especialistas de Inglés presentan The Dead Artist Podcast, unha orixinal serie de podcasts creada polo alumnado de 6º de Primaria na que os nenos e nenas redactaron e gravaron falsas entrevistas en inglés a algúns dos pintores españois máis coñecidos da historia da arte. Para completar a experiencia, contaron coa colaboración da mestra de Música, Ana, na creación da sintonía do programa.

A través desta proposta, o alumnado investigou a vida e obra de distintos artistas, elaborou os guións das revistas, practicou a expresión oral en inglés e puxo en marcha as súas habilidades comunicativas paara dar vida a un auténtico programa de radio.

Episodio 1: Salvador Dalí

O alumnado de 6ºB convértese en entrevistador para conversar con Salvador Dalí, quen lles fala da súa vida, do surrealismo, da súa obra máis coñecida, A persistencia da memoria, e mesmo da súa relación con figuras como Walt Disney e Pablo Picasso.

Episodio 2: Pablo Picasso

O grupo de 6ºD entrevista a Pablo Picasso, descubrindo curiosidades sobre a súa infancia, os seus inicios como artista, o cubismo e algunhas das súas obras máis coñecidas.

Episodio 3: Diego Velázquez

O alumnado de 6ºE viaxa ata o século XVII para entrevistar a Diego Velázquez. Nesta conversa coñecemos detalles da súa formación, dos seus mestres, da súa obra máis famosa, Las Meninas, e do seu importante papel na historia da pintura española.

Este proxecto permitiu ao alumnado combinar investigación, historia da arte, competencia lingüística, expresión oral e creación sonora dun produto final tan educativo como divertido.

Parabén a todo o alumnado participante e ao profesorado implicado por este magnífico traballo!

Agora só queda poñer os auriculares... e escoitar aos artistas contarnos a súa propia historia.

09/06/2026

CREARTE PRESENTA...Mulleres que inspiran, arte que transforma

Continuamos a nosa viaxe por CREARTE, a mostra audiovisual de ARTISTADAS, para descubrir o fantástico traballo realizado polo alumnado de 6º de Educación Infantil.

Ao longo deste curso, as distintas aulas achegáronse ao mundo da arte desde perspectivas moi diferentes, pero cun fío condutor común: coñecer artistas, valorar as súas creacións e converterse eles mesmos en protagonistas do proceso creativo.

6ºA: Elas pintan moito

Coincidindo coa celebración do 8M, o alumnado de 6ºA realizou unha investigación sobre varias mulleres artistas que deixaron unha importante pegada na historia da arte: Frida Kahlo, Yayoi Kusama e Maruja Mallo. A través desta proposta descubriron as súas vidas, as súas obras e a importancia de facer visibles as achegas das mulleres ao mundo artístico.



6ºB: A arte tamén se canta

Os nenos e nenas de 6ºB decidiron converter as súas aprendizaxes nunha canción chea de ritmo. A través da música repasaron os artistas que traballaron durante o curso e crearon unha proposta divertida e creativa que nos permite comprobar que a arte tamén pode expresarse cantando.



6ºC: Descubrindo mulleres artistas galegas

O alumnado de 6ºC gozou especialmente do traballo realizado arredor das mulleres artistas galegas. A través das súas investigacións puideron coñecer creadoras que forman parte do noso patrimonio cultural e artístico, descubrindo referentes próximos e inspiradores.



6ºD: As avoas tamén teñen unha historia que contar

A aula de 6ºD desenvolveu un emocionante proxecto inspirado na fotógrafa galega Mar Caldas, coñecida por reinvidicar e poñer en valor o papel das mulleres galegas do rural.

Despois de coñecer a súa obra, ver unha mensaxe que a artista lles enviou e reflexionar sobre o texo A miña avoa si que traballou, o alumnado decidiu render homenaxe ás súas propias avoas. Modificaron fotogrefías familiares incorporando elementos relacionados cos traballos que desempeñaron, prepararon unha exposición no centro e convidaron ás familias e ás protagonistas desta historia: as súas avoas.



Arte, investigación, música, memoria e emoción únense nestes proxectos para demostrar que aprender tamén é crear, compartir e recoñecer ás persoas que nos precederon.

Convidámosvos a gozar das producións audiovisuais realizadas polo alumnado de 6º de Infantil e a descubrir todo o que teñen para contarvos.

Agardamos que vos gusten tanto como a eles lles gusou crealos!


08/06/2026

EXPOARTE...Artistadas abre ás súas portas á comunidade educativa

O alumnado do cole ten o pracer de convidar a toda a comunidade educativa a EXPOARTE, a exposición dunha mostra do traballo realizado ao longo deste curso arredor do noso Proxecto Documental Integrado ARTISTADAS.

Durante estes meses, os nenos e nenas investigaron artistas, descubriron diferentes manifestacións artísticas, desenvolveron a súa creatividade e elaboraron numerosas producións que agora poderán compartirse con toda a comunidade educativa.

A exposición poderá visitarse do 9 ao 14 de xuño no segundo andar do Edificio Arquivo en horario de 18:00h a 22:00h.

Animamos a toda a comunidade educativa a achegarse para descubir o magnífico traballo realizado polo noso alumnado e a gozar dunha viaxe pola arte creada desde as aulas.

Unha oportunidade única para contemplar o talento, a creatividade e o esforzo dos nosos nenos e nenas.

Agardámosvos!

CREARTE PRESENTA...As primeiras pinceladas de ARTISTADAS

Chegou o momento de abrir as portas a CREARTE, a mostra audiovisual coa que compartimos os produtos finais elaborados polo alumnado do noso Proxecto Documental Integrado ARTISTADAS.

Ao longo deste curso, as aulas convertéronse en auténticos obradoiros de arte nos que nenos e nenas investigaron, experimentaron, crearon e descubriron diferentes artistas, técnicas e formas de expresión artística. Agora queremos convidarvos a coñecer unha pequena mostra de todo este traballo.

Para inaugurar esta serie de publicacións, achegarémonos ás creacións do alumnado de 4º e 5º de educación Infantil, que nos demostran que a creatividade non entende de idades.

07/06/2026

CREARTE XA ESTÁ AQUÍ!

Dende o luns 8 de xuño, o Blog de Leo e Mariña converterase nun escaparate do talento, da creatividade e do traballo realizado polo noso alumnado ao longo deste curso dentro de ARTISTADAS.

Cada día publicaremos novas producións audiovisuais elaboradas polos nenos e nenas do centro: podcasts, programas de radio, investigacións, creacións musicais, representacións e moito máis.

- Porque a arte merece ser compartida.
- Porque o talento do noso alumnado merece ser visto.
- Porque detrás de cada creación hai moito esforzo, ilusión e aprendizaxe.



23/04/2026

DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR

Hoxe celebramos o Día Mundial do Libro e do Dereito  de Autor facendo nosas as palabras da xornalista e  escritora Eva Mejuto 

"... porque cando lemos 

todo é posible,

sobre todo o imposible".

Por iso,  queremos que vexades as "Artistadas" que fixeron os compañeiros de 4ºB sobre unha das coleccións que estiveron a ler na clase, Vinte mil leguas de viaxe submarino, e facémolo así porque, sen dúbida, o seu autor, Julio Verne, fainos crer sempre tanto no posible como no imposible.
Biblioteca de Leo e Mariña. Artistadas de 4ºB

07/11/2025

RECURSO ARTISTADAS Nº1: Expediente artístico

Un dos obxectivos do proxecto ARTISTADAS é proporcionar ao profesorado e ao alumnado ferramentas que lles permitan investigar, descubrir e aprender de forma cada vez máis autónoma. Por este motivo, hoxe presentamos o primeiro dos recursos que iremos incorporando ao noso banco de materiais de investigación artística.

EXPREDIENTE ARTÍSTICO é unha guía creada polo equipo de biblioteca para acompañar ao alumando nas súas investigacións sobre os diferentes artistas.

A través dunha serie de misións, preguntas e retos, os nenos e nenas poderán recoller información, descubrir curiosidades, analizar obras e reflexionar sobre o aprendido mentres desenvolven as súas habilidades como investigadores e investigadoras da arte.




Este recurso permitirá traballar aspectos tan importantes como:
  • A investigación sobre artistas.
  • A busca e selección de información
  • O pensamento crítico e a reflexión persoal.
  • A preparación de futuros produtos de comunicación e difusión.
  • A organización da información recollida.

Con esta publicación iniciamos unha colección de materiais que irá medrando ao longo do proxecto e que servirá para acompañar ao alumnado nas diferentes fases de investigación, creación e comunicación propias de ARTISTADAS.

Porque para crear tamén hai que investigar.
E para investigar... nada mellor que un bo expediente artístico.

06/11/2025

CALENDARTE

 

 Arrinca o noso primeiro reto do PDI ARTISTADAS: chega o  

🗓️CALENDARTE!🎨

No noso centro educativo xa nos puxemos mans á obra co primeiro gran reto do proxecto documental integrado deste curso, o PDI ARTISTADAS, que xirará arredor do mundo da arte.

Para comezar a nosa aventura creativa, Leo e Mariña propóñennos unha misión moi especial: dar vida a un calendario cheo de cor, imaxinación e arte. Así nace o noso CALENDARTE.



💫 En CALENDARTE, cada mes convértese nunha obra de arte e cada aula nun pequeno taller creativo onde o tempo se pinta de cor!

24/10/2025

CONTA A DESINFORMACIÓN: BIBLIOTECAS

Cada 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas.

Este ano o lema é “Contra a desinformación: bibliotecas”, e lembra a importancia das bibliotecas como lugares onde podemos atopar información verdadeira e aprender a buscar fontes fiables.

As bibliotecas escolares son espazos cheos de vida, de historias e de aprendizaxes. Grazas a elas, aprendemos a ler, a investigar, a crear e a pensar por nós mesmos.


As bibliotecas son lugares abertos a toda a comunidade educativa, nos que todos e todas temos un papel importante.

🎨 E na nosa biblioteca… 

Este ano, na nosa biblioteca do CEIP Vales Villamarín, aproveitamos esta data tan especial para presentar o noso Proxecto Documental Integrado:

“ARTISTADAS”

Para dar comezo á aventura, o noso alumnado hoxe recibiu unha carta moi especial:

 




08/09/2025

PDI 2025 - 2026: ARTISTADAS

 O CEIP O Vales inicia o curso 2025-2026 cun novo Proxecto Documental Integrado (PDI) que leva por título ARTISTADAS.

Este curso, a arte será o fío condutor das aprendizaxes, servindo como punto de encontro entre áreas, niveis e sensibilidades.

Baixo esta temática global, o alumnado investigará, creará e compartirá coñecementos arredor da pintura, a arquitectura, a escultura, o cine, a música, a danza e o patrimonio cultural, poñendo especial atención na arte galega e no seu valor dentro do patrimonio universal.


🗓️ As tres grandes accións do proxecto

  1. CALENDARTE (1º trimestre)
    Crearemos un calendario artístico do ano 2026 con ilustracións, debuxos e composicións elaboradas polo alumnado. Os traballos estarán expostos nos corredores e tamén dispoñibles no blog do centro.

  2. CREARTE (2º trimestre)
    Cada nivel elaborará unha produción audiovisual inspirada na súa temática: curtametraxes, podcasts, obras teatrais, vídeos en croma… As creacións serán compartidas no blog o 1 de abril, Día das Artes Galegas.

  3. EXPOARTE (3º trimestre)
    O curso pechará cunha gran exposición de arte, onde se mostrarán as producións, investigacións e creacións realizadas ao longo do ano. Será un espazo de encontro e celebración da aprendizaxe compartida.


ARTISTADAS é un proxecto común que nos une como centro, dá protagonismo ao alumnado e converte a creatividade no motor da aprendizaxe.
Grazas a todas as persoas que o fan posible!


Pincha na imaxe para acceder a toda a información