Dentro de ARTISTADAS, o alumnado de 1º e 2º de Primaria converteuse en investigador do patrimonio, da arte e da historia da nosa vila.
A través de diferentes proxectos, os nenos e nenas descubriron persoas, lugares e obras que forman parte da identidade cultural de Betanzos, aprendendo a observar, investigar e compartir os seus descubrimentos co resto da comunidade educativa.
1ºA e 1ºB: O calendario agrícola medieval
Os alumnos e alumnas de 1ºA e 1ºB investigaron un elemento moi especial que se atopa na Igrexa de Santa María do Azougue: o calendario agrícola medieval representado nun dos seus capiteis.
Tras analizar os distintos meses do ano e o seu significado na Idade Media, elaboraron unha versión propia na que relacionan cada representación coas celebracións e acontecementos que vivimos actualmente. Unha forma moi especial de conectar pasado e presente.
1ºC e 1ºD: A arte e historia da nosa vila
O alumnado de 1ºC e 1ºD investigou a figura da pintora Sofiua Feliú, coñecida polas súas representacións de paisaxes, lugares e xentes de Betanzos, así como a de Francisco Vales Villamarín, unha figura fundamental para a historia e a cultura da nosa cidade e que dá nome ao noso centro educativo.
A través dun podcast, comparten con nós todo o que descubriron sobre estes dous personaxes tan ligados á nosa historia local.
2º de Primaria: Explorando o Parque do Pasatempo
O alumnado de 2º de Primaria centrou as súas investigacións nun dos lugares máis emblemáticos de Betanzos: o Parque do Pasatempo.
Cada aula investigou un aspecto diferente deste singualar espazo:
- 2ºA explícanos quen foron os seus creadores e como foi evolucionando ao longo do tempo.
- 2ºB descobre por que o parque é considerado unha enorme enciclopedia ao aire libre.
- 2ºC investiga o famoso mural dos reloxos.
- 2ºD presenta curiosidades escondidas ao longo do parque.
- 2ºE realiza unha viaxe polos distintos recunchos do mundo representados no parque e analiza o seu estado actual.