10/06/2026

CREARTE PRESENTA...The Dead Artist Podcast

Viaxando pola historia da arte...en inglés!

Dentro de CREARTE, tamén hai espazo para a aprendizaxe de linguas, a creatividade e as novas formas de comunicación.

Os especialistas de Inglés presentan The Dead Artist Podcast, unha orixinal serie de podcasts creada polo alumnado de 6º de Primaria na que os nenos e nenas redactaron e gravaron falsas entrevistas en inglés a algúns dos pintores españois máis coñecidos da historia da arte. Para completar a experiencia, contaron coa colaboración da mestra de Música, Ana, na creación da sintonía do programa.

A través desta proposta, o alumnado investigou a vida e obra de distintos artistas, elaborou os guións das revistas, practicou a expresión oral en inglés e puxo en marcha as súas habilidades comunicativas paara dar vida a un auténtico programa de radio.

Episodio 1: Salvador Dalí

O alumnado de 6ºB convértese en entrevistador para conversar con Salvador Dalí, quen lles fala da súa vida, do surrealismo, da súa obra máis coñecida, A persistencia da memoria, e mesmo da súa relación con figuras como Walt Disney e Pablo Picasso.

Episodio 2: Pablo Picasso

O grupo de 6ºD entrevista a Pablo Picasso, descubrindo curiosidades sobre a súa infancia, os seus inicios como artista, o cubismo e algunhas das súas obras máis coñecidas.

Episodio 3: Diego Velázquez

O alumnado de 6ºE viaxa ata o século XVII para entrevistar a Diego Velázquez. Nesta conversa coñecemos detalles da súa formación, dos seus mestres, da súa obra máis famosa, Las Meninas, e do seu importante papel na historia da pintura española.

Este proxecto permitiu ao alumnado combinar investigación, historia da arte, competencia lingüística, expresión oral e creación sonora dun produto final tan educativo como divertido.

Parabén a todo o alumnado participante e ao profesorado implicado por este magnífico traballo!

Agora só queda poñer os auriculares... e escoitar aos artistas contarnos a súa propia historia.