12/06/2026

CREARTE PRESENTA... Modelando a arte galega

Continuamos a nosa viaxe por CREARTE, a mostra audiovisual de ARTISTADAS, para descubrir os proxectos desenvolvidos polo alumnado de 3º e 4º de Primaria.

Ao longo deste curso, estes niveis achegáronse á arte galega desde diferentes perspectivas, experimentando con materiais, investigando sobre artistas e tradicións do noso país e desenvolvendo a súa creatividade a través de propostas moi diversas.

3º de Primaria: aprender creando

O alumnado de 3º de Primaria mergullouse no mundo da escultura e da cerámica, descubrindo algunhas das manifestacións artísticas máis representativas de Galicia. Ao longo do curso investigaron, experimentaron con diferentes materiais e desenvolveron proxectos moi variados que lles permitiron achegarse á arte desde múltiples perspectivas.

3ºA: modelando a creatividade

O alumnado de 3ºA experimentou co barro e coas técnicas de modelado para descubrir como as mans poden converter unha simple peza de arxila nunha auténtica obra de arte.


3ºB: a arte escultórica

As nenas e nenos de 3ºB prepararon unhas divertidas coplas nas que nos contan todo o que aprenderon sobre a escultura: os seus traballos con arxila, a investigación sobre Sargadelos, a creación do seu disfraz de cunca, as visitas realizadas e as esculturas elaboradas con diferentes materiais.


3ºC: descubrindo a arte galega

O alumnado de 3ºC achéganos á riqueza da arte galega a través do seu traballo de investigación e creación, descubrindo artistas, técnicas e tradicións que forman parte do noso patrimonio cultural.

3ºD: explorando novas formas de crear

En 3ºD tamén se converteron en auténticos artistas, experimentando, investigando e creando para achegarse ao mundo da arte dun xeito práctico e divertido. Neste vídeo móstrannos parte do traballo realizado ao longo do curso.


3ºE: A osa e a okapi

O alumnado de 3ºE decidiu achegarse á arte desde unha perspectiva diferente: a creación literaria. Despois de traballar a escultura, descubrir Sargadelos e a cerámica de Buño e realizar as súas propias creacións artísticas, elaboraron colectivamente o conto A osa e a okapi, unha historia nacida da súa imaxinación que agora comparten con todos nós.


4º de Primaria: seguindo a pegada de Isaac Díaz Pardo

O alumnado de 4º de Primaria centrou o seu traballo na figura de Isaac Díaz Pardo, unha das personalidades máis relevantes da cultura galega contemporánea.

Artista, deseñador, escritor, empresario e impulsor do proxecto de Sargadelos, dedicou boa parte da súa vida á defensa da cultura galega e á creación artística. Grazas ás investigacións realizadas durante o curso, os nenos e nenas descubriron a súa historia, coñeceron a súa obra e comprenderon a importancia do legado que deixou ás xeracións futuras.

A través do seguinte vídeo, comparten connosco parte de todo o aprendido sobre esta figura fundamental da arte e da cultura galegas.

Coñecer a nosa cultura a través da arte

Os traballos realizados por 3º e 4º de Primaria amosan que a arte é moito máis ca unha forma de expresión: é tamén unha maneira de coñecer a nosa historia, valorar o noso patrimonio e comprender mellor o mundo que nos rodea.

Convidámosvos a desfrutar das súas creacións e a descubrir todo o que aprenderon ao longo desta aventura artística.

Agardamos que vos gusten tanto como a eles lles gustou crealos!