A Leo e Mariña están encantados de darlle a benvida a un novo curso na nosa biblioteca escolar, onde, coma cada ano, comezamos presentando o lema das Bibliotecas Escolares de Galicia que é "Biblioteca escolar, a escena", e trae consigo un montón de posibilidades creativas para explorar o mundo do teatro e da interpretación.
O cartaz que nos acompañará durante este curso é unha fermosa obra creada pola ilustradora e muralista galega Xoana Almar. Nel, inspírase no poema de Xohana Torres, "Eu tamén navegar", onde a figura mítica de Penélope, da Odisea, deixa de lado o tapiz co que leva tempo entretida para saír en busca de novas aventuras. Esta imaxe simbólica representa non só o valor de vivir e explorar senón tamén o de compartir as historias e experiencias a través da arte e da lectura. Ao seu regreso, Penélope remata o tapiz, pero agora engadíndolle as experiencias vividas, tal e como se pode ver detrás da nena que le e interpreta a obra teatral, enriquecendo a súa historia persoal e colectiva.
Con esta imaxe enraizada na tradición do cartelismo galego, abrímonos ao mundo do teatro en todas as súas variantes: desde a interpretación ata a escritura, pasando polo teatro radiofónico e, por suposto, o goce da lectura teatral. Este lema anímanos a saír "a escena" e converter as nosa biblioteca nun espazo para ler, interpretar, crear e soñar a través do teatro.
Este curso, preparámonos para ofrecer experiencias onde o teatro será o eixo central de moitas actividades, con propostas que irán desde lecturas dramatizadas ata proxectos de escritura creativa, xogos de roles, e obradoiros de expresión corporal. Imos poñer en marcha o noso propio "escenario" na biblioteca, e todos estades invitados a participar e dar vida ás historias, explorando as diferentes facetas do teatro!
Vinde, pois, a formar parte desta aventura. Porque nesta biblioteca, todas e todos somos protagonistas.
A escena está preparada... só faltades vós!