Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor 2025: Unha conmemoración para todos os lectores
O 23 de abril é unha xornada na que celebramos o poder dos libros e a importancia da lectura no noso día a día. Esta data, instaurada pola UNESCO, invita a reflexionar sobre o valor da cultura escrita e os dereitos dos autores e autoras que fan posible que imaxinemos novos mundos a través das súas palabras.
Neste 2025, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional conmemora o día co tradicional cartel que se distribúe ás bibliotecas escolares de Galicia, e que este ano conta cun agasallo moi especial. A persoa elixida para representar a literatura galega neste día tan significativo é Manuel Núñez Singala, escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. O seu traballo, recoñecido polo lectorado infantil e xuvenil galego, foi galardoado co Premio dos Clubs de Lectura 2023, un premio que subliña a súa achega á literatura destinada aos mozos e mozas de Galicia.
Este agasallo para as bibliotecas escolares vén acompañado dunha frase fermosa e evocadora que nos invita a abrir un libro, un acto tan simple pero ao mesmo tempo tan máxico: "... tremer en seguranza cun medo convulso, notar nos beizos os sabor dos labios amados... abrir un libro!".
Neste Día do Libro, desde a nosa biblioteca escolar, queremos invitar a toda a comunidade educativa a celebrar a lectura e a compartir o pracer dos libros. Non importa a idade, sempre hai un libro que nos espera para facernos soñar, reflexionar ou descubrir algo novo. Se aínda non o fixeches, hoxe é o día perfecto para achegarte a un libro e deixarte levar por unha historia que che faga sentir, pensar e vivir.
Que mellor maneira de conmemorar este día que abrindo un libro, deixando que as súas páxinas nos acompañen e nos transporten a novos mundos. Celebra connosco o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, unha data para fomentar a lectura e o respecto polos dereitos de quen crea.