08/12/2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS - DECEMBRO

Co remate do primeiro trimestre e a chegada das vacacións de Nadal, o alumnado do Vales continuou compartindo as súas lecturas favoritas a través da sección de recomendacións lectoras do xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca.

Neste mes de decembro, as propostas abranguen diferentes xéneros e temáticas, demostrando unha vez máis a variedade de intereses e gustos lectores do noso alumnado.

Daniela Pita, de 6º A, recomendou Puffy e Brunilda. Unha pinga de maxia, unha divertida historia chea de maxia, aventuras e personaxes entrañables. Pola súa banda, Simón Gilsanz, tamén de 6º A, escolleu Invisible, unha novela emocionante que invita á reflexión sobre a empatía, os sentimentos e as situacións que moitas veces pasan desapercibidas aos ollos dos demais. Finalmente, Iria Ruíz, de 5º C, presentounos Misterios a domicilio. Una estrella estrellada, unha aventura chea de misterio e humor protagonizada por un grupo de amigos que non dubidan en axudarse mutuamente.

Estas recomendacións son unha mostra do importante papel que desempeña a lectura no noso centro, non só como ferramenta de aprendizaxe, senón tamén como fonte de diversión, emocións e reflexións compartidas.

Desde a biblioteca escolar queremos agradecer a Daniela, Simón e Iria a súa participación e felicitalos por animar a outros lectores e lectoras a descubrir novas historias.

Despedimos o ano entre libros, aventuras e moita imaxinación. Grazas ás nosas lectoras e lectores por seguir compartindo as súas recomendacións e facendo medrar a nosa comunidade lectora.


Betanzos e a súa comarca. Decembro 2025 (397)