11/05/2026

RECOMENDACIÓNS LECTORAS - MAIO

Ao longo do mes de maio, o alumnado do Vales continuou colaborando coa sección de recomendacións lectoras do xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca, compartindo aqueles libros que máis lles gustaron e que consideran unha excelente opción para outros lectores e lectoras.

Nesta ocasión, as recomendacións achegáronnos historias cheas de humor, fantasía e personaxes inesquecibles.

Vega Ferreño, de 5º E, recomendou El club de las malas ideas. El peor primer día de clase, unha divertida novela protagonizada por un neno que, no seu novo colexio, se une a un peculiar club no que as malas ideas parecen multiplicarse. Pola súa banda, Gael Otero, de 3º D, escolleu ¡Llega el Sr. Flat!, unha historia chea de humor e aventuras na que un misterioso agasallo da biblioteca cambia a vida do protagonista. Finalmente, Brais Balcárcel, de 6º D, recomendou Apestoso tío Muffin, un libro orixinal e entretido que narra a peculiar relación entre unha nena e un home moi especial ao que intentarán axudar dun xeito sorprendente.

Estas recomendacións poñen de manifesto, unha vez máis, a riqueza e diversidade das lecturas que goza o noso alumnado, así como a súa capacidade para transmitir aos demais o entusiasmo polos libros.

Desde BiblioVales queremos agradecer a Vega, Gael e Brais a súa participación e felicitalos por compartir as súas experiencias lectoras. Tamén queremos agradecer ao xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca que continúe ofrecendo este espazo no que as voces das lectoras e lectores máis novos teñen un papel protagonista.

Con estas recomendacións despedimos un novo curso de colaboracións lectoras, cheo de historias, aventuras e descubrimentos. Grazas a todo o alumnado que participou ao longo do ano facendo medrar a nosa comunidade lectora!