Os nosos estantes están a encherse de historias novas, aventuras por descubrir e libros que estamos seguras de que vos van encantar.
Agardámoste na biblioteca para seguir voando xuntas e xuntos coa lectura!
Os nosos estantes están a encherse de historias novas, aventuras por descubrir e libros que estamos seguras de que vos van encantar.
Agardámoste na biblioteca para seguir voando xuntas e xuntos coa lectura!
Dende BiblioVales queremos compartir con toda a comunidade educativa que, na Programación Xeral Anual (PXA) do centro, a partir da páxina 33, podedes atopar toda a información relacionada coa nosa biblioteca escolar. Nesa sección recóllese:
A composición do equipo de biblioteca e a súa organización interna.
Os obxectivos xerais que nos propoñemos para este curso.
As liñas prioritarias de actuación.
Un calendario das actividades desenvolvidas polo equipo ao longo do curso.
E o proceso de avaliación da nosa labor.
Así mesmo, a partir da páxina 44, poderedes consultar a concreción do Plan Anual de Lectura (PAL) 2025-2026, no que se recollen:
Os obxectivos específicos que nos marcamos neste curso.
A organización dos espazos e tempos da biblioteca de Leo e Mariña.
As liñas de acción prioritarias e o papel da biblioteca como eixo dinamizador da lectura e da aprendizaxe.
A composición do equipo e os usos e horarios da biblioteca.
As concepcións previas sobre o desenvolvemento das habilidades lectoras ao longo do curso.
As accións e actividades programadas, entre as que se inclúen:
Actividades para o fomento do interese pola lectura.
Actividades para o desenvolvemento da comprensión lectora desde todas as áreas curriculares.
Actividades relacionadas coa análise, tratamento e exposición da información.
Actividades vinculadas ás celebracións complementarias ou extraescolares.
Actividades asociadas á “Hora de Ler”.
Propostas e recursos específicos para o alumnado NEAE.
E, finalmente, o seguimento e avaliación do plan.
Convidamos a toda a comunidade educativa a consultar este documento, que reflicte o traballo conxunto, a planificación e o compromiso do equipo da biblioteca por continuar facendo da nosa biblioteca escolar un espazo vivo, dinámico e en constante crecemento.
En BiblioVales encántanos compartir lecturas e descubrir novos libros. Por iso, este mes de setembro, o alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín colaborou co xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca, achegando algunhas das súas recomendacións lectoras favoritas.
Nesta ocasión, Rosalía, Iago, Aynoa e Iria convertéronse en auténticos críticos literarios, seleccionando libros que lles gustaron especialmente e explicando os motivos polos que os recomendarían a outros nenos e nenas. Grazas ás súas palabras, outras persoas poderán descubrir historias cheas de aventuras, amizade, aprendizaxe e curiosidades.
Entre as obras recomendadas atopamos propostas para todos os gustos: desde libros para coñecer diferentes deportes ata historias entrañables sobre a amizade ou lecturas divulgativas que nos achegan ao fascinante mundo da ciencia.
Queremos felicitar ao noso alumnado pola súa participación e agradecer ao xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca que nos permita seguir dando voz ás lectoras e lectores máis novos.
Porque cada libro recomendado é unha porta aberta a novas aventuras... e quen mellor para recomendalos que os propios nenos e nenas!
Parabéns ás nosas lectoras e lectores por compartir as súas lecturas favoritas con toda a comarca!
O CEIP O Vales inicia o curso 2025-2026 cun novo Proxecto Documental Integrado (PDI) que leva por título ARTISTADAS.
Este curso, a arte será o fío condutor das aprendizaxes, servindo como punto de encontro entre áreas, niveis e sensibilidades.
Baixo esta temática global, o alumnado investigará, creará e compartirá coñecementos arredor da pintura, a arquitectura, a escultura, o cine, a música, a danza e o patrimonio cultural, poñendo especial atención na arte galega e no seu valor dentro do patrimonio universal.
CALENDARTE (1º trimestre)
Crearemos un calendario artístico do ano 2026 con ilustracións, debuxos e composicións elaboradas polo alumnado. Os traballos estarán expostos nos corredores e tamén dispoñibles no blog do centro.
CREARTE (2º trimestre)
Cada nivel elaborará unha produción audiovisual inspirada na súa temática: curtametraxes, podcasts, obras teatrais, vídeos en croma… As creacións serán compartidas no blog o 1 de abril, Día das Artes Galegas.
EXPOARTE (3º trimestre)
O curso pechará cunha gran exposición de arte, onde se mostrarán as producións, investigacións e creacións realizadas ao longo do ano. Será un espazo de encontro e celebración da aprendizaxe compartida.