20/10/2025

O SAMAÍN CHEGA Á NOSA BIBLIOTECA!

 

🕸️Xa estamos preparados e preparadas para recibir o Samaín! 

Dende hoxe e ata o día 30 de outubro, podedes visitar a nosa exposición especial de libros de medo, misterios e pantasmas.

Entre as estanterías agochados hai contos cheos de bruxas, monstros, fantasmas e seres sorprendentes… pero tamén moitas risas e diversión! 😄🕷️

Anímate a vir pola biblio, escolle un libro que che poña os pelos de punta (ou che faga rir coas súas trasnadas) e goza dun intre de lectura arrepiantemente divertida.


E lembra:

No Samaín tamén se le... e dá moito medo non facelo!


  


    


  


    


  

 
  


  


  


  


 

Non te esquezas de pasar pola biblioteca… 

se te atreves!

17/10/2025

TEMOS NOVIDADES RECÉN CHEGADAS Á BIBLIO!

 Os nosos estantes están a encherse de historias novas, aventuras por descubrir e libros que estamos seguras de que vos van encantar. 

 
 

  
 
 

  





Agardámoste na biblioteca para seguir voando xuntas e xuntos coa lectura!

15/10/2025

A BIBLIO NO RECREO: UN LUGAR PARA SOÑAR!

Hoxe a nosa biblioteca de primaria volveu abrir durante o recreo… e non vos imaxinades o ben que o pasamos! 

Tivemos moitas visitas: algúns viñestes buscar un novo libro para levar para casa, outros preferistes ler un anaquiño nese recuncho tan acolledor, e tamén houbo quen se achegou simplemente a curiosear ou descansar un pouquiño entre páxinas cheas de aventuras.

Estamos moi contentos de ver a biblioteca tan chea de vida, risas e ilusión por ler.

Lembrade que seguimos abrindo nos recreos, así que estades todos e todas convidados/as a vir:

  • para escoitar historias,
  • para descubrir novos libros,
  • ou simplemente para gozar dun lugar tranquilo e especial onde deixar voar a imaxinación.




13/10/2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS - OUTUBRO

O hábito lector segue a medrar no noso centro e, un mes máis, o alumnado do Vales participou na sección de recomendacións lectoras do xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca.

Nesta ocasión, Sara e Vega compartiron con todos os lectores e lectoras dous libros que lles gustaron especialmente. A través das súas recomendacións, descubrimos historias cheas de humor, aventuras e aprendizaxes que animan a seguir lendo e explorando novos mundos.

Sara recomendou A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, unha divertida historia que fai rir aos máis pequenos mentres acompañan á protagonista na súa peculiar investigación. Pola súa banda, Vega escolleu Unicornia 5. Un campamento nas nubes, unha aventura máxica chea de amizade, retos e ilustracións que enganchan desde a primeira páxina.

Estas colaboracións son unha excelente oportunidade para que o alumnado desenvolva a súa capacidade de expresión, comparta as súas experiencias lectoras e anime a outras persoas a descubrir novos libros.

Desde BiblioVales queremos agradecer a participación das nosas alumnas e o compromiso do xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca por seguir dando voz ás lectoras e lectores máis novos.

Cada recomendación é unha invitación a abrir un libro e deixar voar a imaxinación. Parabéns a Sara e Vega por compartir as súas lecturas favoritas con toda a comarca!




ESCRITORAS GALEGAS QUE NOS FAN SOÑAR!

Na biblioteca de Leo e Mariña celebramos o Día das Escritoras.

E que mellor maneira de festexalo que lendo os libros máis novos que temos escritos por autoras galegas en galego? Historias cheas de emoción, humor, aventuras e moita maxia! 🪄

Aquí tedes algunhas das últimas incorporacións que xa podedes atopar nas nosas estanterías:

  


 


  


  • PapónsSandra Lodi (Lugo)
  • Wombo ComboPaula Carballeira (Maniños - Fene)
  • Sete dentes de leónLedicia Costas (Vigo)
  • Os vagalumes de MaríAlba Míguez (Gondomar)
  • O concurso dos mellores inventos (e outros incribles acontecementos)Berta Dávila (Santiago de Compostela))
  • Os Minimortos. Falso aniversarioLedicia Costas (Maniños - Fene)
  • AnalfabetaÉrica Esmorís (A Coruña)
  • Daniela e a horta do avóAntela Cid (Vigo) 
  • O rap do coello fedelloIrene Alonso Gasalla (Pontevedra)

Todas estas historias foron escritas por mulleres galegas valentes e imaxinativas, que enchen as súas páxinas de aventuras, emocións e personaxes que non esquecerás.

Anímate a vir á biblioteca, escolle o teu libro favorito e deixa que estas escritoras che conten as súas historias!

Porque cando lemos a escritoras galegas…
Lemos en galego, soñamos en galego e creamos en galego!



03/10/2025

TEMOS NOVIDADES RECÉN CHEGADAS Á BIBLIO!

Os nosos estantes están a encherse de historias novas, aventuras por descubrir e libros que estamos seguras de que vos van encantar. 

 


Agardámoste na biblioteca para seguir voando xuntas e xuntos coa lectura!