Os nosos estantes están a encherse de historias novas, aventuras por descubrir e libros que estamos seguras de que vos van encantar.
17/10/2025
15/10/2025
A BIBLIO NO RECREO: UN LUGAR PARA SOÑAR!
Hoxe a nosa biblioteca de primaria volveu abrir durante o recreo… e non vos imaxinades o ben que o pasamos!
Tivemos moitas visitas: algúns viñestes buscar un novo libro para levar para casa, outros preferistes ler un anaquiño nese recuncho tan acolledor, e tamén houbo quen se achegou simplemente a curiosear ou descansar un pouquiño entre páxinas cheas de aventuras.
Estamos moi contentos de ver a biblioteca tan chea de vida, risas e ilusión por ler.
Lembrade que seguimos abrindo nos recreos, así que estades todos e todas convidados/as a vir:
- para escoitar historias,
- para descubrir novos libros,
- ou simplemente para gozar dun lugar tranquilo e especial onde deixar voar a imaxinación.
13/10/2025
RECOMENDACIÓNS LECTORAS - OUTUBRO
O hábito lector segue a medrar no noso centro e, un mes máis, o alumnado do Vales participou na sección de recomendacións lectoras do xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca.
Nesta ocasión, Sara e Vega compartiron con todos os lectores e lectoras dous libros que lles gustaron especialmente. A través das súas recomendacións, descubrimos historias cheas de humor, aventuras e aprendizaxes que animan a seguir lendo e explorando novos mundos.
Sara recomendou A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, unha divertida historia que fai rir aos máis pequenos mentres acompañan á protagonista na súa peculiar investigación. Pola súa banda, Vega escolleu Unicornia 5. Un campamento nas nubes, unha aventura máxica chea de amizade, retos e ilustracións que enganchan desde a primeira páxina.
Estas colaboracións son unha excelente oportunidade para que o alumnado desenvolva a súa capacidade de expresión, comparta as súas experiencias lectoras e anime a outras persoas a descubrir novos libros.
Desde BiblioVales queremos agradecer a participación das nosas alumnas e o compromiso do xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca por seguir dando voz ás lectoras e lectores máis novos.
Cada recomendación é unha invitación a abrir un libro e deixar voar a imaxinación. Parabéns a Sara e Vega por compartir as súas lecturas favoritas con toda a comarca!
ESCRITORAS GALEGAS QUE NOS FAN SOÑAR!
Na biblioteca de Leo e Mariña celebramos o Día das Escritoras.
E que mellor maneira de festexalo que lendo os libros máis novos que temos escritos por autoras galegas en galego? Historias cheas de emoción, humor, aventuras e moita maxia! 🪄
Aquí tedes algunhas das últimas incorporacións que xa podedes atopar nas nosas estanterías:
- Papóns — Sandra Lodi (Lugo)
- Wombo Combo — Paula Carballeira (Maniños - Fene)
- Sete dentes de león — Ledicia Costas (Vigo)
- Os vagalumes de Marí — Alba Míguez (Gondomar)
- O concurso dos mellores inventos (e outros incribles acontecementos) — Berta Dávila (Santiago de Compostela))
- Os Minimortos. Falso aniversario — Ledicia Costas (Maniños - Fene)
- Analfabeta — Érica Esmorís (A Coruña)
- Daniela e a horta do avó — Antela Cid (Vigo)
- O rap do coello fedello — Irene Alonso Gasalla (Pontevedra)
Todas estas historias foron escritas por mulleres galegas valentes e imaxinativas, que enchen as súas páxinas de aventuras, emocións e personaxes que non esquecerás.
Anímate a vir á biblioteca, escolle o teu libro favorito e deixa que estas escritoras che conten as súas historias!
Porque cando lemos a escritoras galegas…
Lemos en galego, soñamos en galego e creamos en galego!
06/10/2025
03/10/2025
TEMOS NOVIDADES RECÉN CHEGADAS Á BIBLIO!
Os nosos estantes están a encherse de historias novas, aventuras por descubrir e libros que estamos seguras de que vos van encantar.
Agardámoste na biblioteca para seguir voando xuntas e xuntos coa lectura!
01/10/2025
PLAN XERAL ANUAL DA BIBLIOTECA
Dende BiblioVales queremos compartir con toda a comunidade educativa que, na Programación Xeral Anual (PXA) do centro, a partir da páxina 33, podedes atopar toda a información relacionada coa nosa biblioteca escolar. Nesa sección recóllese:
-
A composición do equipo de biblioteca e a súa organización interna.
-
Os obxectivos xerais que nos propoñemos para este curso.
-
As liñas prioritarias de actuación.
-
Un calendario das actividades desenvolvidas polo equipo ao longo do curso.
-
E o proceso de avaliación da nosa labor.
Así mesmo, a partir da páxina 44, poderedes consultar a concreción do Plan Anual de Lectura (PAL) 2025-2026, no que se recollen:
-
Os obxectivos específicos que nos marcamos neste curso.
-
A organización dos espazos e tempos da biblioteca de Leo e Mariña.
-
As liñas de acción prioritarias e o papel da biblioteca como eixo dinamizador da lectura e da aprendizaxe.
-
A composición do equipo e os usos e horarios da biblioteca.
-
As concepcións previas sobre o desenvolvemento das habilidades lectoras ao longo do curso.
-
As accións e actividades programadas, entre as que se inclúen:
-
Actividades para o fomento do interese pola lectura.
-
Actividades para o desenvolvemento da comprensión lectora desde todas as áreas curriculares.
-
Actividades relacionadas coa análise, tratamento e exposición da información.
-
Actividades vinculadas ás celebracións complementarias ou extraescolares.
-
Actividades asociadas á “Hora de Ler”.
-
Propostas e recursos específicos para o alumnado NEAE.
-
-
E, finalmente, o seguimento e avaliación do plan.
Convidamos a toda a comunidade educativa a consultar este documento, que reflicte o traballo conxunto, a planificación e o compromiso do equipo da biblioteca por continuar facendo da nosa biblioteca escolar un espazo vivo, dinámico e en constante crecemento.
15/09/2025
RECOMENDACIÓNS LECTORAS - SETEMBRO
En BiblioVales encántanos compartir lecturas e descubrir novos libros. Por iso, este mes de setembro, o alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín colaborou co xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca, achegando algunhas das súas recomendacións lectoras favoritas.
Nesta ocasión, Rosalía, Iago, Aynoa e Iria convertéronse en auténticos críticos literarios, seleccionando libros que lles gustaron especialmente e explicando os motivos polos que os recomendarían a outros nenos e nenas. Grazas ás súas palabras, outras persoas poderán descubrir historias cheas de aventuras, amizade, aprendizaxe e curiosidades.
Entre as obras recomendadas atopamos propostas para todos os gustos: desde libros para coñecer diferentes deportes ata historias entrañables sobre a amizade ou lecturas divulgativas que nos achegan ao fascinante mundo da ciencia.
Queremos felicitar ao noso alumnado pola súa participación e agradecer ao xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca que nos permita seguir dando voz ás lectoras e lectores máis novos.
Porque cada libro recomendado é unha porta aberta a novas aventuras... e quen mellor para recomendalos que os propios nenos e nenas!
Parabéns ás nosas lectoras e lectores por compartir as súas lecturas favoritas con toda a comarca!
08/09/2025
PDI 2025 - 2026: ARTISTADAS
O CEIP O Vales inicia o curso 2025-2026 cun novo Proxecto Documental Integrado (PDI) que leva por título ARTISTADAS.
Este curso, a arte será o fío condutor das aprendizaxes, servindo como punto de encontro entre áreas, niveis e sensibilidades.
Baixo esta temática global, o alumnado investigará, creará e compartirá coñecementos arredor da pintura, a arquitectura, a escultura, o cine, a música, a danza e o patrimonio cultural, poñendo especial atención na arte galega e no seu valor dentro do patrimonio universal.
🗓️ As tres grandes accións do proxecto
-
CALENDARTE (1º trimestre)
Crearemos un calendario artístico do ano 2026 con ilustracións, debuxos e composicións elaboradas polo alumnado. Os traballos estarán expostos nos corredores e tamén dispoñibles no blog do centro. -
CREARTE (2º trimestre)
Cada nivel elaborará unha produción audiovisual inspirada na súa temática: curtametraxes, podcasts, obras teatrais, vídeos en croma… As creacións serán compartidas no blog o 1 de abril, Día das Artes Galegas. -
EXPOARTE (3º trimestre)
O curso pechará cunha gran exposición de arte, onde se mostrarán as producións, investigacións e creacións realizadas ao longo do ano. Será un espazo de encontro e celebración da aprendizaxe compartida.


















