Desde 1997, cada 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas para lembrar a importancia destes espazos na nosa sociedade. Este ano, o lema é "Por un futuro sostible". Queremos destacar o papel das bibliotecas (públicas, escolares, universitarias e moitas máis) na construción dun mundo mellor.
As bibliotecas non son só lugares onde atopamos libros. Tamén son espazos que promoven a igualdade, a xustiza e o coidado do medio ambiente, axudándonos a aprender e a reflexionar sobre temas importantes para o noso futuro.
As bibliotecas escolares, coma a nosa, ofrecen recursos e apoio para que todas as nenas e nenos poidan crecer como cidadáns críticos e activos. Este 24 de outubro, celebramos a nosa biblioteca escolar como o primeiro contacto que moitos temos coas bibliotecas e co pracer de aprender, explorar e descubrir.
🎉 Vinde celebrar o Día das Bibliotecas con nós e descubramos todo o que nos ofrecen!