27/11/2025

TEMOS NOVIDADES RECÉN CHEGADAS Á BIBLIO!

Os nosos estantes están a encherse de historias novas, aventuras por descubrir e libros que estamos seguras de que vos van encantar. 

    

  
 
  
  
       
  
 


Agardámoste na biblioteca para seguir voando xuntas e xuntos coa lectura!

23/11/2025

LECTURAS QUE SEMENTAN IGUALDADE

 

Esta semana comezamos unha nova quenda de rotación de LECTURAS COMPARTIDAS na nosa biblioteca de primaria. O alumnado (maiores e pequenos) encherán a nosa biblioteca de contos, ilustracións e momentos compartidos arredor dos libros.

Aquí podedes ver as quendas asignadas a cada aula.



Coincidindo coa semana do 25N, lanzamos unha proposta de actividade titulada "Lecturas que sementan igualdade", pensada para traballar, a través da lectura, valores como a amizade, o respecto, a a axuda e o bo trato entre as persoas.

Nesta sesión, cada parella lectora escollerá un álbum ilustrado, leerao de forma conxunta e despois cubrirá unha ficha de reflexión na que identificará condutas correctas e incorrectas que apareceron na historia, momentos nos que a axuda ou o respecto son importantes, e o que poden aprender dese conto para tratar mellor ás persoas. Finalmente, debuxarán "A escena do bo trato", é dicir, un momento bonito do álbum ilustrado no que apareza reflectida a igualdade, o respecto e a amizade, e escollerán tamén unha palabra positiva que aprenderon con esta historia como peche da actividade.

💜 Cada lectura compartida sementa un pouquiño máis de igualdade 💜





14/11/2025

TEMOS NOVIDADES RECÉN CHEGADAS Á BIBLIO!

Os nosos estantes están a encherse de historias novas, aventuras por descubrir e libros que estamos seguras de que vos van encantar. 

    
  
  
  
  
 
  
  
   
 
  
  
  
 

Agardámoste na biblioteca para seguir voando xuntas e xuntos coa lectura!

09/11/2025

LECTURAS COMPARTIDAS

Esta semana iniciamos unha das actividades máis fermosas da biblioteca de Leo e Mariña: as Lecturas compartidas, un encontro entre o alumnado dos cursos maiores e os máis pequenos no que comparten tempo, emocións e historias. Trátase dunha actividade inter-nivelar que fomenta o gusto pola lectura, a convivencia e a expresión artística dentro do noso proxecto PDI “ARTISTADAS”.

Dende o equipo de biblioteca escolar trasladamos a seguinte proposta para esta primeira sesión:
📖 as parellas lectoras asinarán o seu contrato lector,

📚 elixirán e lerán o primeiro conto que compartirán este curso,

📖 rexistrarán o seu primeiro libro no seu contrato lector,

🎨 e decorarán un marcapáxinas artístico.


Dende a biblioteca lembramos que esta é só unha suxestión de proposta, e que cada docente pode adaptar a sesión libremente segundo o seu grupo, intereses e dinámica de aula.


Porque... 💫 cada lectura compartida é unha obra de arte.


Arquivos de interese:






07/11/2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS - NOVEMBRO

 

A lectura segue a ser unha das grandes protagonistas no noso centro e, durante o mes de novembro, o alumnado do Vales volveu participar na sección de recomendacións lectoras do xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca.

Nesta ocasión, as propostas chegaron desde diferentes cursos e para públicos moi variados, demostrando que hai un libro perfecto para cada lector ou lectora.

O alumnado de 3º E recomendou Axente Riciños, unha divertida aventura ambientada no universo dos Contos do Hematocrítico, chea de humor, personaxes coñecidos e situacións sorprendentes. Pola súa parte, Alba Varela, de 6º A, escolleu Redes, unha novela que invita a reflexionar sobre o uso das redes sociais, os perigos que poden agochar e a importancia de actuar con responsabilidade no mundo dixital. Finalmente, Manuel Ares, tamén de 6º A, recomendou Batman yo soy Gotham, unha historia chea de acción e emoción para os amantes dos superheroes e da banda deseñada.

Estas recomendacións amosan a diversidade de intereses do noso alumnado e a riqueza das lecturas que pasan cada día polas súas mans. Ademais, permiten que outros nenos, nenas e familias descubran novos títulos cos que gozar, aprender e deixar voar a imaxinación.

Desde a biblioteca escolar queremos agradecer a participación de todo o alumnado que comparte as súas experiencias lectoras e ao xornal ACEBE: Betanzos e a súa comarca por seguir reservando este espazo para dar visibilidade ás voces das lectoras e lectores máis novos.

Porque cada libro recomendado é unha historia que merece ser compartida. Parabéns ás nosas lectoras e lectores de novembro por inspirarnos a seguir lendo! 

RECURSO ARTISTADAS Nº1: Expediente artístico

Un dos obxectivos do proxecto ARTISTADAS é proporcionar ao profesorado e ao alumnado ferramentas que lles permitan investigar, descubrir e aprender de forma cada vez máis autónoma. Por este motivo, hoxe presentamos o primeiro dos recursos que iremos incorporando ao noso banco de materiais de investigación artística.

EXPREDIENTE ARTÍSTICO é unha guía creada polo equipo de biblioteca para acompañar ao alumando nas súas investigacións sobre os diferentes artistas.

A través dunha serie de misións, preguntas e retos, os nenos e nenas poderán recoller información, descubrir curiosidades, analizar obras e reflexionar sobre o aprendido mentres desenvolven as súas habilidades como investigadores e investigadoras da arte.




Este recurso permitirá traballar aspectos tan importantes como:
  • A investigación sobre artistas.
  • A busca e selección de información
  • O pensamento crítico e a reflexión persoal.
  • A preparación de futuros produtos de comunicación e difusión.
  • A organización da información recollida.

Con esta publicación iniciamos unha colección de materiais que irá medrando ao longo do proxecto e que servirá para acompañar ao alumnado nas diferentes fases de investigación, creación e comunicación propias de ARTISTADAS.

Porque para crear tamén hai que investigar.
E para investigar... nada mellor que un bo expediente artístico.

06/11/2025

CALENDARTE

 

 Arrinca o noso primeiro reto do PDI ARTISTADAS: chega o  

🗓️CALENDARTE!🎨

No noso centro educativo xa nos puxemos mans á obra co primeiro gran reto do proxecto documental integrado deste curso, o PDI ARTISTADAS, que xirará arredor do mundo da arte.

Para comezar a nosa aventura creativa, Leo e Mariña propóñennos unha misión moi especial: dar vida a un calendario cheo de cor, imaxinación e arte. Así nace o noso CALENDARTE.



💫 En CALENDARTE, cada mes convértese nunha obra de arte e cada aula nun pequeno taller creativo onde o tempo se pinta de cor!

03/11/2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO NA BIBLIOTECA

 Ola, amiguiñas e amiguiños!

Somos Leo e Mariña e queremos contarvos un segredo…
Este mes a nosa biblioteca está chea de ciencia en galego e de cousas sorprendentes por descubrir.

Nós xa estivemos investigando polos andeis e atopamos libros que falan do espazo, dos animais, do corpo humano, dos inventos, da natureza e de experimentos moi curiosos. Algúns fan rir, outros fan pensar… e todos nos axudan a aprender algo novo.

Sabíades que a ciencia tamén se pode ler?

Cada libro agocha preguntas interesantes:

  • Por que brillan as estrelas?

  • Como funciona o noso corpo?

  • Que inventos cambiaron o mundo?

  • Que segredos esconde a natureza?

Durante o Mes da Ciencia en Galego queremos convidarvos a vir á biblioteca, coller un libro de ciencia e deixar voar a vosa curiosidade. Non importa a idade: sempre hai algo novo por descubrir.

✨ Ler ciencia en galego axúdanos a aprender, a pensar e a facer preguntas.
✨ A biblioteca é o mellor laboratorio para investigar con calma.
✨ E a curiosidade… é o mellor motor para aprender!

Esperámosvos na biblioteca para investigar xuntos/as e descubrir moitas cousas novas!